Cinema a Pedal é un festival de cine, deporte e medio ambiente no que as proxeccións funcionan coa enerxía xerada polo propio público ao pedalear.
Cinema a Pedal avanza en tres etapas: abrimos coa convocatoria de películas, seguimos co cine ao aire libre e pechamos co festival en sala.
Se tes unha curta ou longametraxe na que a bicicleta é protagonista ou fío do relato, este é o teu lugar: participa na convocatoria oficial de Cinema a Pedal e forma parte dun festival que se move con enerxía colectiva.
Xa podes consultar a programación da segunda etapa de CINEMA A PEDAL 2026. Os días 7 e 8 de agosto estaremos en Esteiro da Foz cunha selección de curtametraxes e películas, ademais das bicicletas que farán posible cada proxección.
Agardámoste para gozar do mellor cine… a golpe de pedal!
Tes un proxecto de venda ou comida sostible? Súmate ao ecomercado de Cinema a Pedal.
Dídac ten dezaseis anos e viaxa en bicicleta polo Danubio coa súa familia. Entre días calorosos, un encontro inesperado cambia o rumbo da viaxe: un misterioso rapaz aparece entre as augas do río. A súa presenza enigmática non só esperta algo novo en Dídac, senón que tamén comeza a transformar a relación coa súa familia.
Alejandro perdeu unha perna aos 14 anos. O accidente, seguido do acoso escolar, levouno a atravesar unha profunda depresión, mais decidiu converter a dor nun motor de cambio. Hoxe é enxeñeiro mecánico e unha referencia internacional no deseño de ortopróteses, creando solucións nacidas da súa propia experiencia para mellorar a vida das persoas amputadas. No festival Marisquiño de Vigo, atópase con outras persoas con corpos diversos que, coma el, desafían os estereotipos e reivindican novas formas de habitar o mundo.
Un documental inspirador sobre a beleza que nace da diferenza e sobre a conquista da autonomía, da dignidade e da liberdade de movemento.
Durante a Segunda Guerra Mundial, o campión italiano Gino Bartali utilizou a súa bicicleta para transportar documentos falsificados ocultos no cadro, contribuíndo a salvar centos de persoas xudías da persecución nazi. Inspirada na súa historia, esta emocionante película segue a amizade entre David, un rapaz xudeu israelí, e Ibrahim, un rapaz musulmán palestino, unidos pola paixón polo ciclismo.
Un fermoso canto á tolerancia, á amizade e á solidariedade que reivindica o deporte como unha ponte capaz de derrubar prexuízos e achegar persoas de culturas diferentes.
Un elefante vive nunha cidade coma calquera outra persoa e traballa como varredor. Un día descobre un enorme anuncio publicitario dunha bicicleta perfecta para o seu tamaño. Desde ese intre, a súa vida cambia por completo: fará todo o posible por conseguila.